Saturday 04 de May de 2024

‘Padrón Xacobeo’ convértese en tendencia


A concellaría de Cultura, Turismo e Xacobeo 2021 do Concello de Padrón está a promover unha campaña de promoción turística centrada no Xacobeo 2021-2022 coa presenza da prestixiosa blogueira Eva Abal -creadora do blog ‘unaideaunviaje.com’-. Esta iniciativa xorde nun momento clave para reactivar a hostalería e os negocios turísticos locais tras o impacto provocado pola pandemia que estamos a vivir.
A blogueira galega conta cunha ampla e recoñecida traxectoria no mundo dos blogs de viaxes. Entre os seus principais fitos están a visita a máis de 60 países (Namibia, Chile, Irán, Tailandia, India…) e a participación en campañas para empresas como Air Tahiti ou organismos públicos como Turismo de Gijón. O seu blog ‘unaideaunviaje.com’ é unha referencia e sitúase entre os máis consultados polos visitantes da nosa comunidade, o que sen dúbida axudará a situar ao Concello de Padrón no punto de mira de milleiros dos seus lectores. Actualmente colabora no programa “Quen anda aí” da TVG cun espazo dedicado a narrar as historias das súas viaxes.
Durante a súa estancia tivo a oportunidade de realizar os últimos quilómetros do camiño da Pedronía, que une Santiago de Compostela con Padrón. Este itinerario lembra a tradición Xacobea medieval segundo a cal os peregrinos continuaban a súa viaxe até Padrón para coñecer o punto sagrado onde desembarcou o apóstolo. Tamén visitou o fermoso convento de Herbón que o empregan os peregrinos coma alternativa de aloxamento no Camiño Portugués e no cal tivo lugar a chegada do produto gastronómico estrela do Concello no século XVII: o pemento. A través de numerosas Stories en Instagram, publicacións en Facebook e un artigo con toda a información relacionada co Padrón Xacobeo, a blogueira dará a coñecer entre os seus seguidores un dos lugares con maior tradición xacobea.